Excursión a Pontevedra

Consulta o blog da biblioteca para ver como o pasamos en Pontevedra. Viva o cómic!

Outro curso máis

Boas!
Outro curso máis (e xa van catro) o club de lectura "Tira da páxina" inicia a súa andaina.
Outro curso máis (e xa van catro) o club de lectura "Tira da páxina" ofrécevos a oportunidade de compartir cos vosos compañeiros e compañeiras unha das vosas afeccións máis queridas, a da lectura.
Os libros están a esperar por nós, están desexando abrirse para nós, queren revivir para nós. Porque só cando unha moza ou un mozo comeza a ler as primeiras palabras dun libro, este cobra vida.

Na nosa biblioteca hai moitos libros durmidos, quen quere espertalos?

A mansión dos murmurios


O cómic A mansión dos murmurios é a tradución ao galego do primeiro volume dunha serie creada para o mercado francés polo guionista David Muñoz (Madrid, 1968) e o dibuxante Tirso Cons (Pontevedra, 1969), coloreada por Javi Montes (A Coruña, 1975).

Temos nesta obra o arranque dun guión que mistura fantasía e anacos de realidade: transformacións monstruosas, mansión recóndita e misteriosa, experimentos nazis, corredores secretos, guerra...unha intriga que procede dun remoto pasado e que avanza nunha atmosfera pechada e inquedante.

Este é o volume inicial, se vos gusta...haberá que esperar para resolver o misterio.

Por Venecia e cos cruzados

Na nosa lectura de O segredo de Marco Polo podemos camiñar con Marco polas ruelas de Venecia e trazar case que un mapa ben feitiño da cidade do século XIII.
Sabedes o que é a acqua alta? É un fenómeno que se produce na cidade dos canais e que consiste no asolagamento das partes máis baixas da urbe. Sucede, polo xeral, polas mareas altas e de primavera. Un dos puntos máis baixos da cidade é a Praza de San Marcos, desde onde Marco observa á súa querida Naia ao comezo da novela, así que esta praza é unha das zonas que se asolaga con frecuencia.

Acqua alta en Venecia

Moitos dos barcos que saen da Venecia de Marco diríxense a Terra Santa. Son os barcos que se dirixen ás Cruzadas. As Cruzadas foron unhas campañas militares que se desenvolveron entre os séculos XI e XIII contra os musulmáns para a recuperación de Terra Santa (actuais Israel e Palestina).

Canta historia aprendemos con Marco!

A ruta das marabillas

O veneciano Marco Polo emprendeu a finais do século XIII unha viaxe fascinante cara Oriente. En compañía do seu pai Nicolò e o seu tío Maffeo, Marco Polo percorreu miles de quilómetros por ásperas sendas e desertos. Tras chegar á corte do poderoso Gran Khan, Marco Polo púxose ao seu servizo e tivo así a oportunidade de coñecer boa parte de China, un país cheo de riquezas, pintorescos homes e animais prodixiosos.
Cando Marco Polo regresou a Venecia despois de vintecinco anos, os seus compatriotas apenas creron tantas marabillas como el lles describía.

Loreena McKennitt- Marco Polo

Historia de Marco Polo

Ruta da seda

Venecia

Again and again


Aquí estamos de novo! O club de lectura Tira da páxina abre novamente as súas portas neste curso 2010-2011 con máis ganas que nunca de ler e disfrutar coa lectura.

Énchenos de ledicia que este proxecto que cumple xa tres anos continúe tirando da páxina. A principal novidade deste curso é o cambio na periodicidade dos encontros: este ano reunirémonos todos os venres no 2º recreo na Biblioteca escolar. Soan campás de renovación na nosa biblioteca, para empezar contamos cunha mesa redonda ideal para vernos as caras todos os meses.

Tras o primeiro chamamento (eo, eo!) alí acudiron Antía, David e Marta para amosar a todo o mundo que neste instituto se le...e como! Agardamos que o grupo crezca ao longo das vindeiras semanas e se non é así...NON PASA NADAAA!

A nosa primeira lectura é O segredo de Marco Polo, do vigués Francisco Castro. Seguiremos os pasos do protagonista pola Venecia do século XIII, perderémonos polas súas ruelas laberínticas en busca da liberdade e amaremos canda el (canto, tanto) á bela principessa. Ademais, coñeceremos as famosas aventuras de Marco Polo, que nos levarán ata Oriente a coñecer ao Gran Khan.


A lúa grande e chea defórmase no seu reflexo sobre as augas turbias de Venecia. Así está tamén o corazón de Marco. Turbio e enluxado. Porque coma as augas sempre emporcalladas daquela que chaman a Cidade Serena, o seu corazón non é hoxe transparente nin brilla coa forza que se lle presupón á súa mocidade en teoría chea de vida, nin coa enerxía que se espera dun soldado novo no mellor da vida...