Again and again


Aquí estamos de novo! O club de lectura Tira da páxina abre novamente as súas portas neste curso 2010-2011 con máis ganas que nunca de ler e disfrutar coa lectura.

Énchenos de ledicia que este proxecto que cumple xa tres anos continúe tirando da páxina. A principal novidade deste curso é o cambio na periodicidade dos encontros: este ano reunirémonos todos os venres no 2º recreo na Biblioteca escolar. Soan campás de renovación na nosa biblioteca, para empezar contamos cunha mesa redonda ideal para vernos as caras todos os meses.

Tras o primeiro chamamento (eo, eo!) alí acudiron Antía, David e Marta para amosar a todo o mundo que neste instituto se le...e como! Agardamos que o grupo crezca ao longo das vindeiras semanas e se non é así...NON PASA NADAAA!

A nosa primeira lectura é O segredo de Marco Polo, do vigués Francisco Castro. Seguiremos os pasos do protagonista pola Venecia do século XIII, perderémonos polas súas ruelas laberínticas en busca da liberdade e amaremos canda el (canto, tanto) á bela principessa. Ademais, coñeceremos as famosas aventuras de Marco Polo, que nos levarán ata Oriente a coñecer ao Gran Khan.


A lúa grande e chea defórmase no seu reflexo sobre as augas turbias de Venecia. Así está tamén o corazón de Marco. Turbio e enluxado. Porque coma as augas sempre emporcalladas daquela que chaman a Cidade Serena, o seu corazón non é hoxe transparente nin brilla coa forza que se lle presupón á súa mocidade en teoría chea de vida, nin coa enerxía que se espera dun soldado novo no mellor da vida...

Consultas de amor


Os membros do club fixeron de menciñeiros e curandeiras nunha xornada na que entregaron aos seus compañeiros receitas de amor. Apostados na planta baixa do instituto compatiron os seus saberes milenarios para aliviar os variados males de amor.

Que un precisaba dicir "Quérote"? Pois eles sabían que lle ofrecer! Que outro sentía bolboretas no estomago? Pois eles dábanlle a poción máxica! Que alguén necesitaba esquecerse dun antigo amor? Pois tamén tiñan un potingue para iso!

Aquí tedes algunhas das súas receitas. Xa sabedes, os medicamentos hai que usalos baixo prescripción médica e seguindo coidadosamente as indicacións. Os caramelos tamén axudaron a baixar a inxestión!

DOLENCIA: Non sei como dicir QUÉROTE...
RECEITA:

Voz sen verbas:
silencio.
Mar sen auga:
deserto.
Sol sen raios:
misterio.
Luz sen brillo:
coitelo.
Man sen man:
un berro.
Dor sen laios:
o tempo.
Eu sen ti:
inferno.

(Antonio García Teijeiro)

DOLENCIA: Non sei como dicir ADEUS...
RECEITA:

Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos;
que sequen, como eu me seco,
que morran, como eu me morro.

(Rosalía de Castro)

DOLENCIA: Estou tola de amor...
RECEITA:

Pensar que ti estás tamén nesta noite
Na outra banda do silencio
E agardar que esvare paseniño a lúa
Dos teus ollos ós meus beizos
Latexando tremulamente no abismo
Ficaremos.

(Ana Romaní)

DOLENCIA: Non sei o que é o amor...
RECEITA:

O amor foi
un trallazo moi forte
que rompeu a
ventá. E quedou rota
para sempre. Eu limpei
do chan
os cristais. Corteime
con eles
en tódolos dedos.

(Lupe Gómez)


A sesión tamén serviu para difundir a obra dun novo poeta novísimo que dará moito que falar, Ramón Romero Nogueira.

DOLENCIA: Non sei como dicir QUÉROTE...
RECEITA:

TARAREAA DE NOVO!
E quédanos tempo e días e choros.
Quédannos días de vento e de vida.
Aínda hai tempo de caricias eternas,
bafaradas de vello
e apertas intensas.
Multitude de vistas aos teus ollos
son o que agardono fin dos meus soños.
Camiño inseguro.
Sentado na dura pedra
agardas por min.
A túa eterna nena.

Seguimos a ler

La Ciudad de las Bestias, Isabel Allende.

Alexander Cold é un rapaz americano de quince anos que parte ao Amazonas coa súa avoa Kate, xornalista especializada en viaxes. A expedición intérnase na selva en busca dunha estrana bestia xigantesca. Ao carón da súa compañeira de viaxe, Nadia Santos, e un centenario chamán indíxena, Alex coñecerá un mundo sorprendente.

Esta novela da chilena Isabel Allende faranos vivir aventuras inesquecíbeis e apreciar o valor da natureza. Misterio, ecoloxía, amizade...que máis podemos desexar? Que a historia continúe? Feito! Esta é a primeira parte da triloxía "Las memorias del Águila y el Jaguar" que se completa con El reino del dragón de oro e El bosque de los pigmeos, libros que tamén podedes atopar na biblioteca escolar.


As bruxas, Roald Dahl.

Un rapaz queda orfo mentres pasa as vacacións en Noruega. A partir de aí vivirá coa súa avoa sempre e con ela irá aprendendo canto hai que saber das bruxas. Xuntos han de enfrontarse coa terrible Asociacións de Bruxas de Inglaterra reunidas no Congreso Anual baixo a apariencia de mulleres normais que celebran unha convención nun hotel. O gran empeño das bruxas é exterminar aos nenos.

Cando remates de ler esta novela non poderás esquecer a tenra relación que manteñen Danny e mais a súa avoa e quizais, só quizais, poderás afirmar que "Habelas hainas"...
Na biblioteca do centro poderás atopar outros libros do fabuloso Roald Dahl: Matilda, Charlie e fábrica de chocolate, Boy (relatos de infancia) e outros máis.

Logo do club

O noso club precisaba dun logotipo e que mellor que foran os alumnos do instituto os que o crearan, verdade? Así que a través da convocatoria dun concurso, recibimos varias propostas e tras unha preselección por parte dun xurado composto por profesores do centro, a decisión final a tomaron os membros do club.

Este é o logo oficial e o seu autor é Manuel Mata, alumno de 2º de Bacharelato Artístico.


Novas lecturas

Los hijos del trueno, Fernando Lanana e J. M. Almárcegui.

Gerencia Nacional de Enseñanzas Intelectuales vén de decidir coller polos cornos o problema do fracaso escolar e así as aulas de todos os institutos do país deberán contar, en todo momento, con vintedous estudiantes, ni máis nin menos. O alumnado sobrante será destinado, con obrigatoriedade, aos recén creados "Institutos Remanentes". Inesperadamente, nun deses centros coincide un insólito grupo que, lonxe de asumir o papel de "fracasados por decreto", chegará a poñer patas arriba á mismísima Gerencia Nacional.

Esta é unha novela para escachar da risa, irónica e sarcástica, unha crítica en toda regra ao sistema educativo que fará as delicias dos que queiran ler entre liñas.

Porque todos poderíamos formar parte dunha clase deses "fracasados", fagámonos escoitar!

30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz

O día 30 de Xaneiro celébrase o Día Escolar da Paz e da Non Violencia. Durante esta tempada podedes disfrutar na biblioteca dunha selección de lecturas relacionadas co tema. Hai libros que vos falarán de lugares próximos a vós, achegándonvos situacións moi cotiás coas que convivides, tales como a inmigración. Outros libros transportaranvos a lugares máis alonxados, como Palestina, Alemania, Kosovo ou Arxentina, para falarvos de conflictos bélicos que marcaron a historia contemporánea. Se vos interesa a Guerra Civil ou reflexionar sobre a alienación, tamén encontraredes as vosas páxinas no andel do club de lectura.

* O paredón, Jean Paul Sartre.
* Señor das moscas, William Golding.
* A revolta dos animais, George Orwell.
* ¡Vémonos en Kosovo!, Ana Expósito Valle.
* La canción de Shao Li, Marisol Ortiz de Zárate.
* Saboreando el cielo. Una infancia palestina, Ibtisam Barakat.
* Maus, Art Spiegelman.
* Irmán do vento, M. Lourenzo González.

* Búscame en África, Blanca Álvarez.
* A lei da rúa, Susan E. Hinton.
* Cita en Berlín, Isolde Heyne.
* La aventura de Saíd, Josep Lorman.
* Tristes armas, Marina Mayoral.
* Nun lugar chamado guerra, Jordi Sierra i Fabra.
* Los girasoles ciegos, Alberto Méndez.
* A historia de Ana, Urs M. Fiechtner.
* Un mundo feliz, Aldous Huxley.
* Rapaces de Dublín, Jean Claude Alain.

Seguimos tirando da páxina

O curso 2009-2010 comezou hai xa un trimestre e con el a actividade do noso club. Tardamos un pouco en reactivar o blog, pero aquí estamos, Ano novo, vida nova!

Este curso contamos con máis tiradores de páxinas, o que supón unha ledicia enorme. Agora mesmo están a funcionar dous grupos, un de 1ESO e outro de 2ESO que en total suman case vinte rapaces e rapazas. Non é marabilloso?
No primeiro trimestre, o grupo de 1ESO leu La sombra del gato y otros relatos de terror, de Concha López Narváez e Usha, de María Reimóndez.


O de 2ESO leu La hija de la noche, de Laura Gallego e La aventura de Saíd, de Josep Lorman.

Antes do Nadal puxemos en marcha un concurso para crear o logotipo do club. En breve o xurado comunicará o seu fallo e pronto Tira da páxina terá o seu propio logo. Que nervios!

Vémonos! Buscade entre as páxinas dun libro, só no máis fermoso de todos nos atoparedes!