Consultas de amor


Os membros do club fixeron de menciñeiros e curandeiras nunha xornada na que entregaron aos seus compañeiros receitas de amor. Apostados na planta baixa do instituto compatiron os seus saberes milenarios para aliviar os variados males de amor.

Que un precisaba dicir "Quérote"? Pois eles sabían que lle ofrecer! Que outro sentía bolboretas no estomago? Pois eles dábanlle a poción máxica! Que alguén necesitaba esquecerse dun antigo amor? Pois tamén tiñan un potingue para iso!

Aquí tedes algunhas das súas receitas. Xa sabedes, os medicamentos hai que usalos baixo prescripción médica e seguindo coidadosamente as indicacións. Os caramelos tamén axudaron a baixar a inxestión!

DOLENCIA: Non sei como dicir QUÉROTE...
RECEITA:

Voz sen verbas:
silencio.
Mar sen auga:
deserto.
Sol sen raios:
misterio.
Luz sen brillo:
coitelo.
Man sen man:
un berro.
Dor sen laios:
o tempo.
Eu sen ti:
inferno.

(Antonio García Teijeiro)

DOLENCIA: Non sei como dicir ADEUS...
RECEITA:

Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos;
que sequen, como eu me seco,
que morran, como eu me morro.

(Rosalía de Castro)

DOLENCIA: Estou tola de amor...
RECEITA:

Pensar que ti estás tamén nesta noite
Na outra banda do silencio
E agardar que esvare paseniño a lúa
Dos teus ollos ós meus beizos
Latexando tremulamente no abismo
Ficaremos.

(Ana Romaní)

DOLENCIA: Non sei o que é o amor...
RECEITA:

O amor foi
un trallazo moi forte
que rompeu a
ventá. E quedou rota
para sempre. Eu limpei
do chan
os cristais. Corteime
con eles
en tódolos dedos.

(Lupe Gómez)


A sesión tamén serviu para difundir a obra dun novo poeta novísimo que dará moito que falar, Ramón Romero Nogueira.

DOLENCIA: Non sei como dicir QUÉROTE...
RECEITA:

TARAREAA DE NOVO!
E quédanos tempo e días e choros.
Quédannos días de vento e de vida.
Aínda hai tempo de caricias eternas,
bafaradas de vello
e apertas intensas.
Multitude de vistas aos teus ollos
son o que agardono fin dos meus soños.
Camiño inseguro.
Sentado na dura pedra
agardas por min.
A túa eterna nena.

Seguimos a ler

La Ciudad de las Bestias, Isabel Allende.

Alexander Cold é un rapaz americano de quince anos que parte ao Amazonas coa súa avoa Kate, xornalista especializada en viaxes. A expedición intérnase na selva en busca dunha estrana bestia xigantesca. Ao carón da súa compañeira de viaxe, Nadia Santos, e un centenario chamán indíxena, Alex coñecerá un mundo sorprendente.

Esta novela da chilena Isabel Allende faranos vivir aventuras inesquecíbeis e apreciar o valor da natureza. Misterio, ecoloxía, amizade...que máis podemos desexar? Que a historia continúe? Feito! Esta é a primeira parte da triloxía "Las memorias del Águila y el Jaguar" que se completa con El reino del dragón de oro e El bosque de los pigmeos, libros que tamén podedes atopar na biblioteca escolar.


As bruxas, Roald Dahl.

Un rapaz queda orfo mentres pasa as vacacións en Noruega. A partir de aí vivirá coa súa avoa sempre e con ela irá aprendendo canto hai que saber das bruxas. Xuntos han de enfrontarse coa terrible Asociacións de Bruxas de Inglaterra reunidas no Congreso Anual baixo a apariencia de mulleres normais que celebran unha convención nun hotel. O gran empeño das bruxas é exterminar aos nenos.

Cando remates de ler esta novela non poderás esquecer a tenra relación que manteñen Danny e mais a súa avoa e quizais, só quizais, poderás afirmar que "Habelas hainas"...
Na biblioteca do centro poderás atopar outros libros do fabuloso Roald Dahl: Matilda, Charlie e fábrica de chocolate, Boy (relatos de infancia) e outros máis.

Logo do club

O noso club precisaba dun logotipo e que mellor que foran os alumnos do instituto os que o crearan, verdade? Así que a través da convocatoria dun concurso, recibimos varias propostas e tras unha preselección por parte dun xurado composto por profesores do centro, a decisión final a tomaron os membros do club.

Este é o logo oficial e o seu autor é Manuel Mata, alumno de 2º de Bacharelato Artístico.


Novas lecturas

Los hijos del trueno, Fernando Lanana e J. M. Almárcegui.

Gerencia Nacional de Enseñanzas Intelectuales vén de decidir coller polos cornos o problema do fracaso escolar e así as aulas de todos os institutos do país deberán contar, en todo momento, con vintedous estudiantes, ni máis nin menos. O alumnado sobrante será destinado, con obrigatoriedade, aos recén creados "Institutos Remanentes". Inesperadamente, nun deses centros coincide un insólito grupo que, lonxe de asumir o papel de "fracasados por decreto", chegará a poñer patas arriba á mismísima Gerencia Nacional.

Esta é unha novela para escachar da risa, irónica e sarcástica, unha crítica en toda regra ao sistema educativo que fará as delicias dos que queiran ler entre liñas.

Porque todos poderíamos formar parte dunha clase deses "fracasados", fagámonos escoitar!